Documentos 1.d: ¿TIC ou TICCC?
De eTwinning
TIC ou TICCC?
O termo TIC como acrónimo de Tecnoloxías da Información e a Comunicación xeneralizouse ata o punto de que poucas veces resulta necesario explicar o seu significado. Non obstante, todo o conxunto de tecnoloxías ao que se refire sufriu un cambio espectacular en pouco tempo. O desenvolvemento en equipos e aplicacións, os aumentos nos anchos de banda dispoñibles, as posibilidades de conexión a Internet practicamente desde calquera lugar crearon un mundo electrónico dunha complexidade difícilmente imaxinable fai uns anos, complexidade que aínda temos que aprender a explotar en todas as súas facetas.
En efecto, as páxinas web “clásicas”, blogs, wikis, programas de correo electrónico, foros, etc… son –evidentemente- tecnoloxías, fontes de información e medios de comunicación con outros. Pero hai máis. Tamén podemos actuar sobre a información á que accedemos, comentándoa, modificándoa ou completándoa (Web 2.0); e podemos estar ó día de cando esa mesma información foi actualizada ou editada por outros, así como atopar facilmente outra información que nos interese (Web semántica o 3.0).
Así, os termos “Información” e “Comunicación” xa non chegan para describir todas as posibilidades que nos ofrecen esas tecnoloxías. Nin sequera a palabra “Tecnoloxía” parece ser suficiente, xa que todos estes cambios tamén están provocando novos comportamentos sociais e formas de relacionarse e interactuar con outras personas. Por iso, durante un par de parágrafos (e sen tomar o novo acrónimo en serio, por favor), ampliemos o termo e vexamos qué nos suxire a palabra TICCC.
Comunicación, Creación, Compartir?
Estes tres conceptos parecen ser os primeiros nos que pensamos cando queremos usar as TICCC na aula. En primeiro lugar, comunicámonos cos nosos socios, establecemos os obxectivos e o plan de acción comúns e decidimos levalos á práctica. A continuación, cada parte realiza as súas tarefas, é dicir, crea os materiais que se preveron no plan. Finalmente, os resultados compártense ou intercambianse entre todos os participantes.
Esta acepción de TICCC é bastante correcta e, de feito, reflexase en moitos proxectos eTwinning. Porén, non aproveita todas as posibilidades que temos á nosa disposición. En esencia, é unha forma de traballo que infrautiliza gran parte das ferramentas. O contacto entre os participantes prodúcese ao principio e ao final, pero interrómpese na metade do proceso. Unha parte fundamental, a creación, non só se desenvolve por separado, senón que ocorre de xeito que resulta inaccesible para os socios. Só podemos ver o resultado final dos nosos compañeiros, pero non observar (e menos participar) no proceso de creación. Neste sentido, incluso un correo electrónico, aínda que chegue inmediatamente, é un produto que se envía xa rematado.
Comunicación, Colaboración, Creación?
Probablemente, pensar nas TICCC nestes termos sexa unha forma máis produtiva de abordar o uso das tecnoloxías na práctica docente. A comunicación segue aparecendo en primeiro lugar; se entre os socios non hai entendemento, se non se establecen obxectivos e formas de traballo comúns, difícilmente poderemos seguir avanzando no noso proxecto.
Porén, en segundo lugar aparece a idea de colaboración, seguida –e isto resulta un aspecto fundamental- da creación. Todas as posibilidades que as tecnoloxías nos ofrecen atopan agora un lugar nesta forma de organizar o traballo. Se falamos de proxectos eTwinning, estamos falando de que os alumnos dos distintos centros creen produtos comúns, que interactúen cos seus socios non só na lectura ou análises dos resultados, senón tamén na elaboración dos mesmos. Actualmente, podemos subir un texto a Internet para que outros o editen ou completen, compartir e editar elementos multimedia, manter discusións entre varios participantes… Os equipos, programas e anchos de banda dispoñibles son máis que suficientes para todo isto.
A partir de aquí, o límite é a nosa imaxinación: podemos organizar ós nosos alumnos en grupos de nacionalidades mesturadas para que creen documentos comúns (presentacións de diapositivas, textos, multimedia...); podemos facer que un grupo recompile información en bruto sobre algún tema (por exemplo, sobre a súa cidade ou a dos seus socios) e que outro grupo elabore o documento a partir desa información, etc.
Esencialmente, facemos as tarefas que podiamos facer no epígrafe anterior, pero con algunhas diferenzas fundamentais: agora esas tarefas fanse a través das TICCC, e non fóra delas; ademais, os participantes de distintas nacionalidades ten que comunicarse e negociar entre eles para crear un produto conxunto. Coa acepción anterior, entrábamos en contacto cos produtos dos nosos socios. Agora, entramos en contacto e interactuamos directamente cos nosos socios.
En resumo, mentres que o “T” e o “I” nos seguen referindo á tecnoloxía e á información, o “C” aumentou considerablemente os seus posibles significados: comunicar, colaborar, crear, compartir, (inter)cambiar, comportarse… Iso sí, por comodidade e mentres a ninguén se lle ocorra algo mellor, sigamos falando de TIC (cun “C”).
