Documentos 1.b: Aprendizaxe en colaboración

De eTwinning

Volver a Unidad 1


Índice

A Aprendizaxe en Colaboración nos Proxectos eTwinning

Na aprendizaxe en colaboración a actividade estrutúrase de forma que os alumnos traballan xuntos, aprendendo uns doutros; faise, pois, necesaria a interacción e a participación de todos. Desta maneira, conséguese que o alumno se sinta responsable da súa aprendizaxe e do resto do grupo.

A aprendizaxe en colaboración non é a única forma de aprender, senón unha estratexia máis. Existe certo consenso en admitir que mellora a motivación, o rendemento, as habilidades sociais e as estratexias de aprendizaxe dos alumnos. Este tipo de aprendizaxe adoita ser especialmente axeitado cando un grupo de alumnos traballa en torno a un proxecto no que a colaboración de todos os integrantes resulta necesaria para a consecución do obxectivo proposto. Como veremos, esta é a situación de partida de moitos dos proxectos que se desenvolven no marco da acción eTwinning.

A aprendizaxe en colaboración non consiste únicamente en formar grupos de alumnos e esperar a que aprendan. En comparación con outras formas de aprendizaxe, faise aínda máis necesario o deseño da actividade a partir dun currículum baseado en proxectos, uns materiais axeitados e unha supervisión por parte do profesor dos procesos que ten lugar no grupo de alumnos: desenvolvemento das actividades planificadas, participación de todos os membros, negociacións de conflitos, roles asumidos polos alumnos...

Esta forma de aprendizaxe fundaméntase na teoría do construtivismo situado. A teoría xeral do construtivismo establece que a aprendizaxe é un proceso no que o coñecemento se constrúe a partir do coñecemento previo do individuo integrando e asimilando o novo de forma activa, sendo o alumno protagonista da súa propia aprendizaxe. O construtivismo situado incorpora a esta teoría xeral a dimensión social da aprendizaxe, resaltando a importancia que ten a interacción entre compañeiros e co profesor no proceso de construción do coñecemento.

Fronte a enfoques máis cognitivos onde se considera que o alumno constrúe a súa aprendizaxe individualmente mediante a interacción co currículum, o fenómeno ou o problema, considérase que o coñecemento se constrúe necesariamente en situacións que proporcionan experiencias concretas que permiten ao alumno explorar e reflexionar cos compañeiros e o profesor.

Qué é e cómo organizar a colaboración

A colaboración nun proxecto é algo máis que a mera comunicación ou coordinación entre os participantes. Debe ser un elemento esencial no proxecto, unha forma de entender e organizar todo o proceso, dende a súa exposición inicial ata a súa conclusión. Esta colaboración pode darse en varios niveis, todos eles complementarios. A riqueza e variedade nas interaccións entre os participantes é o que marca, na maioría das ocasións, a calidade dun proxecto. En xeral, non estamos acostumados a traballar de forma colaborativa. Ao principio, intentar organizar un proxecto desta forma pode parecer complicado, pero no fondo non se trata máis que de reformular as metodoloxías e obxectivos, asumir que debemos renunciar a certas dinámicas habituais na aula a cambio de abarcar outras que tradicionalmente están ausentes. Cando empezamos a traballar cunha estrutura de colaboración, vemos enseguida que é unha forma fácil, eficiente e motivadora tanto para alumnos como para profesores.

O fundamental é negociar a partir das ideas iniciais, atopar uns obxectivos, contidos e metodoloxías que queiran –e poidan- ser asumidas por todos. En definitiva, dar cun deseño final e un desenvolvemento do proxecto que sexa obra de todos os participantes e no que todos se atopen cómodos e se sintan identificados.

Algunhas liñas de colaboración poden e deben darse entre:

Profesores coordinadores. É fundamental a negociación e o bo entendemento entre os profesores responsables do proxecto. Os currículos poden ser moi diversos en todos os países participantes e debemos asegurarnos de que as necesidades nosas e as dos nosos socios son compatibles. Iso non implica necesariamente atopar un profesor con ideas idénticas ás nosas. O concepto de intercurricularidade pode extenderse tamén aos coordinadores; un proxecto sobre medio ambiente pode desenvolverse desde as áreas de ciencias, ética e economía, e cada unha ter como responsable a un socio dun país distinto. Non é a identidade, senón a complementariedade o factor principal que debe terse en conta.

Grupos de profesores. Dentro de cada centro é habitual que se requira en maior ou menor medida a participación doutros profesores. Esta non ten que suceder necesariamente co mesmo grao de implicación e compromiso en todos os casos. Podemos necesitar a presenza continua de profesores doutras áreas ou grupos, ou ben aportacións puntuais para actividades concretas.

Profesores e alumnos. O normal é que a maioría dos nosos alumnos, sobre todo a partir de determinada idade, dominen algunhas ferramentas básicas como correo electrónico ou programas de mensaxería instantánea –como Skype-. Tamén é probable que algúns saiban crear e xestionar outras ferramentas como blogs ou wikis, ademais de ter certo dominio de programas de edición de textos ou multimedia ¿Por que non preguntarlles qué saben facer? Podemos contar coa súa colaboración en todos os niveis do proxecto; non só como alumnos destinatarios, senón tamén como creadores de contidos ou deseñadores. Seguramente, aportarán ideas novas e, sobre todo,  sentiranse moito máis implicados no proxecto.

Alumnos do mesmo centro. Poderemos conseguir unha maior motivación nos alumnos se os facemos partícipes activos da súa propia aprendizaxe. Para isto, o traballo en grupo é unha ferramenta especialmente útil. A forma de organizar o traballo nun proxecto debe ser variada e adaptarse a cada actividade concreta. Aínda que o traballo individual pode ser moi axeitado para algunhas actividades, a organización en grupo fomentará destrezas sociais e de autoaprendizaxe. Tanto se se fai en parellas ou en grupos maiores, o profesor debe axudar aos alumnos a establecer unha división de tareas que resulte eficaz e equilibrada, así como proporcionar as fontes para obter a información e supervisar a calidade e corrección dos traballos. Traballar en grupo permite aproveitar mellor as destrezas dos alumnos; tarefas como busca de información, redacción, edición e publicación, presentación pública, etc. poden asignarse segundo se axusten ás características e coñecementos de cada un.

Alumnos dos distintos centros. Este é o elemento central nun proxecto eTwinning. Se queremos desenvolver nos nosos alumnos competencias lingüísticas, interculturais e sociais, debemos organizar o proxecto de forma que se faga necesaria a interacción entre os alumnos de distintos centros. Non se limita isto a elaborar materiais de forma paralela e logo comparalos na aula. Podemos aumentar o nivel de coñecemento mutuo e de colaboración se eleximos as actividades axeitadas. Así, se prevemos actividades de comunicación entre eles (por correo, Chat, foros, etc.), podemos deseñalas cuns obxectivos claros e ben definidos. Ante un intercambio de correos nos que os alumnos se presentan, podemos pedirlles que elaboren un documento de texto ou unha presentación de diapositivas comparándose co grupo de alumnos do outro centro. Iso obrigaríaos a pedir e ofrecer información concreta e que permita ditas comparacións. Este mecanismo de intercambio de información, negociación de contidos e elaboración conxunta dun documento común pode aplicarse a calquera produto final que queiramos elaborar. Así mesmo, se queremos facer algún tipo de competición por equipos, podemos organizalos con membros de distintas nacionalidades, de forma que o compañeiro sexa o que estea ao outro lado do ordenador e non o alumno da mesa contigua.

Cando analizamos proxectos cun grao notable de colaboración, podemos observar que, non só se conseguen os obxectivos previstos, senón que outros factores como a motivación ou a calidade final dos materiais elaborados aumentan considerablemente.

 A Aprendizaxe en Colaboración Apoiado polo Ordenador

Como o seu nome indica, incorpora as posibilidades das TIC ao modelo mencionado anteriormente. Este ten especial importancia nos proxectos eTwinning, onde a colaboración entre dous centros de dous países distintos ten lugar necesariamente a través das TIC. Grazas ás TIC, o concepto traballar xuntos cobra un novo significado porque é posible traballar cunha escola situada a miles de kilómetros a través do correo electrónico ou cun experto nun tema concreto a través dun chat; deste xeito, os muros do centro escolar deixan de ser unha limitación física para ter acceso a recursos e persoas, ben do entorno cercano á escola ou máis alá deste.

Ademais das novas posibilidades de comunicación, as TIC proporcionan novas formas de sustentar e fomentar o traballo en colaboración pola capacidade destas para acceder e tratar a información. Por exemplo, o que todas as intervencións nun foro permanezan (en contraposición ás intervencións faladas), que se poida volver sobre elas, contestalas, matizalas... ofrece máis oportunidades de colaboración (a marxe de que os participantes estean na mesma aula ou non), e tamén de aprender a asimilar a construción dun discurso onde os argumentos intentan estar xustificados, son rebatidos e voltos a elaborar.

Outro exemplo importante son as plataformas de traballo colaborativo, como a que se ofrece no portal eTwinning  aos centros irmandados e denominada TwinSpace. É un espazo virtual común en Internet para os membros do proxecto; alí podemos almacenar, organizar, corrixir e compartir documentación e información (en forma de documentos de texto, imaxes, avisos, etc.) dunha forma moi áxil, sen papeis e accesible en todo momento e desde calquera lugar, algo difícil de imaxinar nun contexto escolar tradicional.

Consideracións Prácticas

Afrontar de forma realista o modelo de Aprendizaxe en Colaboración Apoiado polo Ordenador no caso dos proxectos eTwinning require coñecer aspectos prácticos do traballo diario na clase que convén ter en conta:

Organizativos

Os profesores que participan en experiencias nas que os alumnos traballan en grupos con ordenadores observan que o control da clase é moi distinto do habitual. O alumno ten diante o ordenador, que é a súa vez unha fonte de información (ademais do profesor) e un importante foco de atención (e ás veces de distracción), o cal orixina con frecuencia situacións incómodas (segundo o describen os propios profesores), xa que se produce, por un lado, unha perda de autoridade do profesor en canto que deixa de ser a única fonte de información e, por outro, tamén se perde o control do que os alumnos están facendo. Esta situación evoluciona normalmente, pasadas unha sesión ou dúas (despois de que se establezan unhas normas en clase e unha planificación cuidadosa do traballo que se vai  realizar cos ordenadores...), cara o que adoita ser a situación máis normal: o profesor asume que ten o papel de facilitar e organizar o traballo dos grupos, e o alumno, á súa vez, entende o seu papel activo de forma responsable.

Curriculares

Moi relacionado co anterior, está a necesidade de contar con, ou preparar un, currículum baseado en proxectos, de forma que o desenvolvemento do proxecto cubra aqueles aspectos curriculares que nos marquemos como obxectivo, expresados de forma xeral (por exemplo, o manexo escrito da lingua estranxeira) e concreta (por exemplo, o coñecemento do concepto de pirámide de poboación). Isto orientará e facilitará o traballo dos nosos alumnos. É tamén importante prever que o traballo con proxectos adoita xerar produtos en forma de dossieres, materiais gráficos, etc., ben en formato tradicional ou multimedia (páxinas web, grabacións de vídeo, etc.).

O proxecto debe servir ás necesidades curriculares de todos os participantes. A comunicación entre os socios previa ao inicio do proxecto é fundamental, xa que hai unha gran variedade nos currículos dos distintos países. Sinalábamos arriba que non é necesario atopar un socio que estea impartindo os mesmos contidos, cos mesmos obxectivos, a alumnos da mesma idade que os nosos. É a complementariedade dos obxectivos, e non a súa igualdade, o obxectivo fundamental que debemos buscar.

Tecnolóxicos

Na planificación do noso proxecto debemos contar coas tecnoloxías dispoñibles no noso centro escolar: ordenadores, ancho de banda de acceso a Internet, software axeitado para o noso proxecto (clientes de correo electrónico, tratamento de imaxes, etc.). Se non se atopan dispoñibles na nosa aula deberemos garantir o acceso a aula de informática, a canóns proxectores...

Tamén deberemos familiarizarnos co seu manexo previamente. Ademais debemos analizar cal é o valor engadido que estas tecnoloxías aportarán na súa integración no noso proxecto, tanto en canto á necesaria comunicación con outro centro, como no que as ferramentas aportan por si mesmas; por exemplo, o permitir o acceso a certa información en Internet. Non é preciso contar cun gran equipamento no centro; o fundamental cando deseñamos un proxecto é ter unha idea axeitada das posibilidades, tanto en equipos como accesibilidade ou coñecementos informáticos e axustar o deseño do proxecto a esas circunstancias.

Pedagóxicos

As actividades que expoñamos cos nosos alumnos dentro do desenvolvemento do noso proxecto seguirán os principios da aprendizaxe en colaboración en moitos casos, pero é importante non olvidar que nos proxectos eTwinning a colaboración non só se establece entre os alumnos da nosa aula, senón tamén cos da aula do centro irmán do outro país. Por iso, debemos ser cuidadosos para que ese contacto non se limite únicamente a un intercambio de materiais acabados ou información entre os dous países, senón que tamén se produza a interacción e participación entre as dúas clases (valorando a información recibida do outro centro, integrándoa no noso traballo, aportando a nosa opinión, ...) e perseguindo algún obxectivo común que faga necesaria esa colaboración.

Traballo en grupos

Para desenvolver un proxecto eTwinning non é obrigatorio establecer grupos de traballo cos alumnos; iso depende de se os contidos a desenvolver se prestan a esta metodoloxía e de se o profesor quere ou non utilizala.  Porén, a gran maioría dos proxectos estanse levando a cabo mediante traballo en grupos.

Traballar deste xeito ten vantaxes significativas como, por exemplo, que os estudantes aprenden mellor porque participan activamente no proceso de aprendizaxe, ten unha maior comprensión do tema e retén a información por máis tempo.


Pautas xerais do traballo colaborativo.

• É necesario que o profesor faga saber aos alumnos desde o principio que van  traballar en grupo e cales son as técnicas que usará, ademais de informalos da importancia e beneficios da aprendizaxe en colaboración.

• O profesor debe planear cada etapa do traballo en grupo; hai que decidir qué temas, áreas ou proxectos poden presentarse, de que maneira organizar os grupos de alumnos, e ademais, explicarlles cómo se lles avaliará.

• É necesario crear tarefas que requiran interdependencia, explicar a importancia de traballar en grupo para chegar a un fin concreto, asignar aos alumnos tarefas segundo as súas habilidades e asegurarse de que o traballo estea equitativamente repartido co fin de que todos aporten a súa parte ao resultado final.

• Pódense formar moitos tipos de grupos dependendo das circunstancias: homoxéneos ou heteroxéneos, grandes ou pequenos, etc. En todo caso os grupos formados pódense ir reestruturando durante o desenvolvemento do proxecto, tanto para adaptalos ás sucesivas actividades como para remediar aqueles casos nos que non funcionen como sería desexable.

• Teñamos en conta que, ao usar ferramentas de comunicación e plataformas de traballo colaborativo, os grupos poden estar formados por alumnos de distintos centros. Isto enriquecerá notablemente o proxecto, ao introducir non só o necesario uso das TIC para a comunicación, senón tamén un importante factor intercultural nos procesos de negociación.

• Actuación do profesor. Cando se traballa en grupos de colaboración, o profesor ten o papel de facilitar as cousas; é un mediador. Así mesmo, tamén debe axudar ao grupo a desfacerse dos erros conceptuais, falsos supostos e razonamentos erróneos. Polo tanto, unha vez que os grupos están formados e os estudantes traballando, o profesor debe intervir como recurso e guía, dándolle pistas para que vaian descubrindo por si mesmos e reorganizando as tarefas segundo os descubrimentos dos alumnos e segundo o propio funcionamento do grupo.

O primeiro que ten que facer o profesor unha vez formados os grupos, é cerciorarse de que todos os membros comprendan o que se pretende que fagan e de que  identificaron a información dispoñible e decidiron se esta é suficiente. A continuación ten que intervir nos grupos conseguindo que se fagan preguntas do tipo ¿por que?, ¿como?, ¿que?, ¿onde?,...

No proceso de avance no traballo, as preguntas que ao principio se formulaban os alumnos vanse  ir convertindo en preguntas mais específicas que en moitos casos necesitarán de novos enfoques e o profesor terá que redirixir o traballo.

O profesor debe actuar como supervisor e avaliador, comprobando que os alumnos cumpren coas súas tarefas no grupo, que os contidos se están traballando correctamente e que o grupo como tal está en condicións de cumprir os obxectivos expostos. Isto outorga unha especial importancia á avaliación continua. Se o grupo non funciona como se espera, o profesor debe, coa colaboración dos alumnos, descubrir cáles son as causas e aplicar os remedios convenientes: provocar e dirixir unha reflexión interna no grupo, reestruturar o reparto de tarefas ou modificar a súa composición.

Para saber mais

Cómo deseñar proxectos motivadores
Neste enlace danse algunhas ideas para conseguir que os alumnos se impliquen e se sintan comprometidos cun proxecto. A motivación non só provén dunha serie de actividades atractivas, senón tamén da participación en todo o proceso de toma de decisións. Seguindo algúns principios de aprendizaxe por proxecto, nesta presentación explóranse formas de fomentar a motivación intrínseca dos alumnos e a súa participación en cada fase do proxecto.

http://www.etwinning.es/es/formacion/talleres-de-desarrollo-profesional/457-como-disenar-proyectos-motivadores




Volver a la Unidad 1 Siguiente: Documentos 1.c: eTwinning en Comenius
Ferramentas persoais
Contacto